Friday 17 de May de 2024

O Nadal pobrense contará novamente co obradoiro de conciliación


Na súa firme aposta por favorece-la conciliación, o Concello da Pobra do Caramiñal oferta un ano máis o obradoiro do Nadal dirixido a crianzas da infantil e da primaria.

A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez, explican que esta acción abrangue o período comprendido entre o día 23 de decembro e o 5 de xaneiro, ámbalas datas incluídas, en horario de 09.00 a 14.00 horas, no CEP Salustiano Rey Eiras.

O prezo total é de 30 euros por nena/neno, pero aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.

Disponse, ademais, do Servizo de Madruga, cuxo custo será de 10 euros pola entrada da cativa/cativo a partir das 08.00 horas e de 15 euros dende as 07.30 horas. Haberá tamén a prestación de comedor.

A inscrición formalizarase no Departamento da Igualdade do Concello, situado fronte á casa consistorial, en horario de 08.30 a 13.30 horas. A data límite establécese no 21 de decembro.

Así mesmo, segue en funcionamento o Espazo de Coidados Corresponsables que achega a opción de conciliar polas tardes. Trátase dun servizo municipal de balde e aberto a tódalas familias da Pobra que o requiran ao abeiro do Plan Corresponsables promovido polo Ministerio da Igualdade.

Máis información no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 6.